Holocausto e pracidez

Como vén acontecendo desde 2012, onte 27 de xaneiro conmemorouse no antigo salón de plenos do Senado, en Madrid,  o aniversario da liberación polo Exército Vermello soviético d@s prisioneir@s que aínda quedaban vivos nese horror que foi o campo de concentración nazi de Oświęcim (que así é como se chama realmente esa vila polonesa, e non polo nome alemán co que é coñecida, Auschwitz), no que se rematou coa vida de máis dun millón de xudeus, xitan@s e outras razas que segundo os criminais das SS non eran merecentes de vivir, e que constituíu o episodio máis arrepiante do xa de seu arrepiante e tristemente célebre Holocausto.

Alí estaban presentes, entre outros, dous dos ministros máis queridos do Goberno español: Alberto Ruiz-Gallardón e José Ignacio Wert. Xa saben que o primeiro é actualidade por encetar non se sabe se unha lei do aborto ou un aborto de lei; e do segundo, que dicir que non se dixese xa. Resumindo moito, que erasmus poucos e pariu a avoa. O conto é que ambos dous pronunciaron afervoadas palabras de condena cara á barbarie nazi, o racismo e a xenofobia. Cousa que por suposto é louvábel, amábel, plausíbel e irreprochábel.

Mágoa que esa contundencia que teñen para condenaren barbaridades doutros de alén as fronteiras do estado, non a teñan para facer o propio coas masacres cometidas polos xerifaltes desoutro réxime asasino, fascista e ditatorial que houbo ao longo de case corenta anos nesa España que tanto din amar. Réxime no que foi ministro, por certo, o propio sogro de Ruiz-Gallardón, quen polo tanto tivo por xefe a ese home ou homiño tan amigo e colaborador do máximo responsábel do xenocidio nazi que onte con tanta contundencia condenaba o seu xenro.

Porque aquí tamén houbo represión. Tamén houbo masacres. Tamén houbo campos de concentración e mortos, moitos mortos. Pero para iso non hai condenas nin acto algún de repulsa por parte do partido do Goberno español. Será porque o dos nazis foi un holocausto, pero a barbarie franquista, segundo un compañeiro de partido (polo de agora) dos señores Ruiz-Gallardón e Wert, foi unha “extraordinaria pracidez”.

 

Deixar un comentario