Terrorismo vén de “terror”

O PPdeG (Galicia ou Gürtel?) vén de comezar a precampaña da precampaña da precampaña das europeas co lanzamento da súa artillería sobre a coalición entre o BNG e Bildu para as vindeiras eleccións no continente. Coalición que, dito sexa de paso, pode ser acertada ou trabucada, pero só e exclusivamente desde unha óptica política, que é do que se trata -de política- cando conflúen dúas organizacións completamente legais (lémbreno os devotos e defensores de constitucións varias que sen embargo, e á hora da verdade, son os primeiros insubmisos a dita legalidade) a uns comicios.

E faino, como non, realizando veladas ou directas alusións a(o)s compañeir@s de viaxe vascos da fronte galega, porque claro: son “os de ETA”. E como o BNG vai con eles, pois máis claro aínda: van cos “terroristas”. Facendo, como é habitual na formación conservadora (sendo xeneroso  co adxectivo), un exercicio de amnesia premeditada sobre todo o proceso que xerou a existencia da formación abertzale, na que se integraron forzas políticas que sempre condenaron as accións de ETA, como Eusko Alkartasuna ou Aralar, e na que de xeito global concorre unha esquerda abertzale que hai xa tempo que deu o paso de limitarse á acción puramente política para acadar os seus obxectivos. Abonde lembrar como o propio alcalde de Donosti (de Bildu) cesou no seu momento a un dos concelleiros do seu goberno por berrar “Gora ETA” a uns afeccionados que levaban polo casco vello donostiarra unha bandeira española logo dunha vitoria da Roja (cruel sarcasmo para un pepeiro que chamen así á súa selección nacional de fútbol).

Daquela, e xa que a bravuconada dos populares máis impopulares dos últimos tempos sacou o término, cumpriría analizar a palabriña. Terrorismo vén de terror. E francamente, non sei que terror pode estar a provocar entre o xeral da poboación unha formación política perfectamente legal (conforme á Lei de Partidos feita, ollo!, polos propios pepeiros e que, dito sexa de paso, foi “constitucional” polos pelos) e que ademais ten un respaldo amplo na súa demarcación política. Si me consta que arestora están a provocar terror moitas outras cousas: unhas políticas económicas que son fábricas de parados, unha xuventude que cada vez en maior número ten que coller o petate e procurar lonxe da súa terra os garbanzos (alimento que tanto reivindicaba o finado Manuel Fraga), unhas forzas da orde que reprimen dun xeito carniceiro as expresións de protesta que xorden perante tanto abuso, familias enteiras que perden o seu fogar pola sempiterna complacencia cos abusos dunha banca ateigada de delincuentes e que provocaron non poucos suicidios… Seguimos?

Pois seica para o partido gobernante (?) o terror cáusano outros. Sen dúbida, o que atemoriza á poboación e lle quita o sono é a coalición Bildu-BNG. Claro, son ETA. Como o foi -dicían eles- a que causara hai agora dez anos a masacre do 11-M. Que por certo, dez anos despois saen na foto coas vítimas pero aínda non esbozaron nin un mínimo fonema de desculpas por mentir e enganar vilmente coa grotesca teoría da conspiración a costa do sangue e do sufrimento. Nin falta que fai que o fagan. Co terrorismo hai carta branca para enganar e manipular. E seguen.